Arquivos mensuais: Outubro 2012

    Persoas con discapacidade de Lugo e Mos logran o certificado da ESO a través de COGAMI

    9 Outubro, 2012  |  Actualidade  |   nuri

    Foron 40 persoas as que decidiron prepararse con COGAMI para obter o graduado durante este ano.

    Os centros de recursos que a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) ten en Mos e en Ferrol acolleron un curso de Graduado en ESO impartido para un total de 40 persoas, 20 en cada centro, todas elas con discapacidade física e/ou intelectual.

    Foron sete meses de clases, repartidas en case 5 horas diarias e nas que non só se encargaban de estudar a historia, as matemáticas e a lingua, tamén había tempo para saídas culturais e práctica de actividades de mellora na psicomotricidade, ademais de aprender o coidado e organización das súas vivendas.

    O programa de Graduado en ESO está financiado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a finalidade que ten é a de posibilitar ás persoas con discapacidade dunha segunda oportunidade dentro de calquera nivel do sistema educativo. Aparte de mellorar o coñecemento de todas as persoas que acoden ás clases, o proceso tamén inclúe a presentacións ás probas académicas.

    De entre todo o alumnado que se presentou este ano, lograron obter o título da ESO 3 persoas en Mos e 1 en Ferrol, se ben houbo outras 8 persoas que lograron superar algunha das materias nas que se examinaron.

    Os perfís do alumnado poden resumirse en persoas adultas desempregadas con discapacidade física, mental e/ou psíquica, procedentes a maioría do rural. A maioría das persoas que agora intentan conseguir o graduado adoitan ter dificultades de acceso ao sistema educativo, ben por ter unha escolarización tardía, por longos tratamentos sanitarios, por problemas no transporte, por mor das barreiras arquitectónicas, por necesidade dunha terceira persoa,… particularidades que derivan finalmente na dificultade do da inserción laboral que atopa o colectivo.