15 persoas con discapacidade aprenden a ir de compras no centro gran vía de Vigo

    Sin comentarios
    30 Marzo, 2011  |  Categoría: Actualidade  |  Autor: mos

    O xoves, 31 de marzo, ás 10:00 horas, un grupo de persoas con discapacidade do Centro de Recursos que a Confederación galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) ten  en Mos vai de compras ao centro comercial Gran Vía de Vigo, situado na Baixada do Castaño. Esta actividade forma parte dun obradoiro de habilidades na vida diaria a través do cal 15 persoas con discapacidade aprenden a ser máis autónomos/as, a desenvolverse en calquera das facetas cotiás da vida.

    Durante esta xornada, os 15 integrantes deste curso de habilidades da vida diaria van poder gastar ata 1.000 euros en produtos de cociña, comida, pequenos electrodomésticos e outros útiles do fogar que sexan válidos para o taller que se desenvolve nunha antiga vivenda que lle foi cedida a COGAMI polo Ministerio de Sanidade.

    Os participantes do obradoiro, acompañados pola terapeuta ocupacional de COGAMI, Nuria Company e pola pedagoga, Verónica Castro, distribuiranse en grupos e terán que realizar as compras que previamente teñen anotadas nunha lista. Os establecementos do centro comercial aos que terán que ir son Casa, Carrefour e Miró. A cantidade a gastar, doada polo centro comercia Gran Vía, é de 1.000 euros.

    Esta saída ao centro comercial vén sendo a parte práctica do desenvolvemento das habilidades á hora de realizaren tarefas domésticas. Trátase de que coñezan e xestionen axeitadamente os cartos, a utilización do euro, a elaboración de orzamentos, recibos, etc e tamén recoñecer os diferentes tipos de produtos do mercado.

    Este taller de habilidades na vida diaria iniciou en novembro de 2009 e forma parte dun programa de prevención da dependencia e fomento da autonomía persoal, cuxa finalidade é a capacitación das habilidades necesarias para o funcionamento normal na vida e o fomento da autonomía persoal co fin de favorecer a integración persoal e social.

    Neste taller tamén se aprenden habilidades do coidado persoal e aseo, hábitos de hixiene correctos ou do coidado da saúde e benestar. Outras das habilidades que trataron de mellorar están relacionadas coa comida e a alimentación como as dietas saudables, a manipulación de alimentos, a utilización dos utensilios de cociña, comer adecuadamente na mesa, etc.

    Publicado en Actualidade.
    Copiar permalink.

    Comentarios pechados.