A DEPUTADA PROVINCIAL DE BENESTAR VISITA AS INSTALACIÓNS QUE TEN COGAMI EN MOS

    Sin comentarios
    27 Xaneiro, 2012  |  Categoría: Actualidade  |  Autor: mos
    •  COGAMI achegoulle o interese en que a Deputación continúe apoiando economicamente os programas que desenvolve na provincia
    • ¨  350 persoas con discapacidade da provincia de Pontevedra beneficiáronse o ano pasado dos programas que subvenciona a Deputación

    A Deputada de Benestar Social e da Muller da Deputación de Pontevedra, Marta Iglesias Bueno, visitou as instalacións que a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) ten en Mos. Acompañada polo Presidente de COGAMI, Anxo Queiruga, polo Presidente da Federación de COGAMI-Pontevedra, Ángel Holguera, e mailo Coordinador do centro de recursos de Mos, Celso Álvarez, a Deputada provincial puido ver en primeira persoa as actividades que se desenvolven no centro de Mos, lugar ao que acoden a diario 42 persoas con discapacidade física e/ou intelectual.

    Durante esta visita, estiveron na aula na que se imparte o obradoiro de educación de adultos, un programa que acolle tanto clases de informática á carta como de coiro, bixutería ou manualidades. Outras das actividades que se estaban impartindo durante a visita teñen que ver co desenvolvemento psicosocial, con fisioterapia e con clases de apoio á educación e preparación para a ESO (o ano pasado tres usuarios lograron o título da ESO).

    Despois do percorrido, dende COGAMI recordáronlle á Deputada Provincial a necesidade de renovación do convenio de colaboración entre a Deputación e COGAMI para seguir apoiando as actividades que tanto a Confederación como as asociacións membro realizan na provincia pontevedresa. Achegóuselle a Marta Iglesias a inquietude do necesario que é, polo menos, continuar mantendo activos os servizos que xa temos, sobre todo nestes momentos tan complexos.

    Dende COGAMI tamén se lle agradeceu a Marta Iglesias o interese amosado  pola nosa organización e que quedou demostrado nas dúas horas que estivo no centro de Mos nas que non deixou de preguntar e de interesarse polo traballo que desenvolvemos a favor do noso colectivo.

     

    Publicado en Actualidade.
    Copiar permalink.

    Comentarios pechados.